190 alumnos formaranse na área de Compostela nos obradoiros de emprego

190 alumnos formaranse na área de Compostela nos obradoiros de emprego

Os 11 obradoiros de emprego da área de Compostela formarán a 190 alumnos-traballadores cunha achega da Xunta de 2,6 millóns de euros Oito obradoiros terán un carácter dual, incluíndo prácticas de como mínimo 3 meses nunha empresa da zona, mentres que outros tres están reservados para menores de 30 anos a través do Sistema de

Os 11 obradoiros de emprego da área de Compostela formarán a 190 alumnos-traballadores cunha achega da Xunta de 2,6 millóns de euros

Oito obradoiros terán un carácter dual, incluíndo prácticas de como mínimo 3 meses nunha empresa da zona, mentres que outros tres están reservados para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil

Xunta de Galicia

Os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.

Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, terán lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.
Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizaranse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.
Estes obradoiros permitirán que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.
A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.
A nivel provincial, os 38 obradoiros de emprego que se organizan na Coruña permitirán a formación de 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros
Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.
Ovidio Rodeiro lembrou a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza e insistiu en que o mellor exemplo son os Concellos emprendedores. Unha iniciativa paralela á Lei de implantación empresarial na que a administración autonómica e local colaboran para facilitar a tramitación administrativa, o acceso ao solo e para ofrecer unha mellor fiscalidade. Na comarca de Santiago en concreto, son concellos emprendedores e obtiveron un obradoiro, Ordes, Melide, Frades e Dodro.
Na visita a Val do Dubra para ver as actuacións de mantemento e de mellora que os alumnos realizarán en varios edificios públicos, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. O delegado tamén afirmou que “a formación nestes obradoiros debe ser un aval para que os alumnos poidan acceder ao mercado de traballo con garantías”.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor