A contratación de internet en Galicia medrou un 20% en tres anos

A contratación de internet en Galicia medrou un 20% en tres anos

A directora da Amtega fixo balance dos indicadores de penetración das TIC e da Axenda Dixital 2020 no pleno do Observatorio da Sociedade da información Entre as novidades do Plan de Traballo para 2018 o Osimga prevé a incorporación de novos indicadores sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na Enquisa a Fogares Os últimos

A directora da Amtega fixo balance dos indicadores de penetración das TIC e da Axenda Dixital 2020 no pleno do Observatorio da Sociedade da información

Entre as novidades do Plan de Traballo para 2018 o Osimga prevé a incorporación de novos indicadores sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na Enquisa a Fogares

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga) sitúa no 78,7% a porcentaxe de fogares galegos con internet contratado un incremento do 10,1% no último ano. Cabe salientar que no período 2013 – 2016, o incremento na contratación de internet foi un 20%, o que permitiu reducir a fenda dixital respecto á media europea en 6,8 puntos porcentuais.

Foi un dos datos expostos no Pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, onde deu conta dos últimos datos do Observatorio, do Plan de Traballo do Osimga para 2018 e fixo balance da situación de dous años de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Penetración das TIC

Entre os indicadores destacados están tamén os referido ao tecido empresarial galego que sinalan que as empresas galegas apostan pola banda larga móbil, presente en máis do 80% das pemes e no 69% das microempresas. O crecemento do uso de Big Data ou sinatura dixital achéganos aos desafíos marcados na Axenda Dixital de Galicia 2020, con valores que superan a media estatal.

Tamén aliñados co obxectivos da Axenda Dixital, Galicia rexistrou un forte crecemento no número de empresas e no emprego do sector TIC: 2.579 empresas e 16.866 traballadores dan conta dun sector consolidado e estratéxico na economía galega.

Ademais, en 2017 rexistrouse un incremento de 419 novas empresas do sector TIC, o que marcou un máximo histórico no número de altas de novas entidades e unha de cada catro empresas TIC ten previsto contratar persoal nos vindeiros anos.

No marco do balance das actuacións do Osimga no ano anterior, destacouse a publicación do primeiro estudo da Xunta sobre a seguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Este estudo pioneiro amosou a crecente preocupación dos galegos nesta materia xa que o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede.

Axenda Dixital 2020

En dous anos de Axenda Dixital lévanse investidos 600 millóns de euros, 150 deles de capital privado, nos diferentes plans de transformación dixital.

Neste sentido a directora da Amtega destacou que este ano completarase a dotación de redes ultrarrápidas nas 81 superficies empresariais previstas e convocarase unha nova liña de axudas para empresas illadas do rural. Así mesmo, Mar Pereira lembrou que as axudas autonómicas e estatais permitirán que outros 330.000 galegos accedan á fibra óptica no 2020.

Entre outros avances no proceso de dixitalización destacou que as xestións online coa Xunta superan ás que se realizan de forma presencial e sitúanse xa no 51%. No ámbito educativo o Proxecto Abalar posibilitou que 12.000 rapaces estuden exclusivamente con libros dixitais. As 98 Aulas CeMIT contan con máis de 72.000 usuarios rexistrados e máis de 280.000 horas de formación gratuítas impartidas desde a súa creación.

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, a Axenda Dixital ten en macha plans tecnolóxicos innovadores como o Plan Smarturismo coa dixitalización integral dos procedementos de turismo para os axentes do sector. No eido cultural, a Memoria Dixital de Galicia xa permitiu a posta en marcha da nova Galiciana, que integra os documentos dixitalizados do Arquivo e da Biblioteca dixitais de Galicia.

O Programa Primare está impulsar a dixitalización do agro coa posta en marcha dunha plataforma de servizos de valor engadido e no sector da pesca iniciou a dixitalización de 35 lonxas. Ademais, no ámbito forestal entra en funcionamento este ano unha nova rede de videovixilancia dixital forestal como apoio á prevención e seguimento dos incendios.

Plan de Traballo Osimga 2018

Entre as novidades do Plan de Traballo do Observatorio para 2018 destaca a incorporación de novos indicadores na Enquisa a Fogares, que permitirán obter información sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na sociedade galega.

Ademais no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír a avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor