Consuelo Ferreiro advirte de a necesidade de adaptar o regulamento á realidade do autónomo e promover o asociacionismo

O traballo autónomo e o papel das asociacións foron protagonistas nun dos seminarios celebrados no marco do Día do Emprendedor o pasado día 16 de xuño en Santiago de Compostela. Co título “Autoemprego e asociacionismo: enfrontarse ao reto, non estás so”, tivo lugar unha mesa redonda moderada por Xoán Miguel Concheiro, subdirector xeral de Cooperativas

O traballo autónomo e o papel das asociacións foron protagonistas nun dos seminarios celebrados no marco do Día do Emprendedor o pasado día 16 de xuño en Santiago de Compostela. Co título “Autoemprego e asociacionismo: enfrontarse ao reto, non estás so”, tivo lugar unha mesa redonda moderada por Xoán Miguel Concheiro, subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo, e na que participou Consuelo Ferreiro Regueiro, profesora titular de Dereito do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela, en nome das asociacións de autónomos que acudiron á chamada do IGAPE: UPTA Galicia, ATA Galicia, OPA e OAP.
Interviñeron ademais Irene Bonet, presidenta da Federación de Empresarias de Galicia; Daniel Ramos, presidente da Federación Galega de Asociacións de Novos Empresarios; Aure López, presidenta da Delegación de SECOT na Coruña; e María del Mar Pernas, xerente da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado. Todos os participantes coincidiron en destacar a importancia da existencia de organizacións de autónomo tanto pola necesidade dunha representación colectiva como polas posibilidades de traballo en rede, novos negocios, formación ou colaboración.
Consuelo Ferreiro, que comezou expresando a admiración polas persoas emprededoras que cada día arriscan a súa economía, incitou aos asistentes a reflexionar sobre que dereitos teñen realmente os traballadores autónomos e se o regulamento que afecta a este colectivo, especialmente no que se refire a asociacionismo, recolle verdadeiramente as súas necesidades particulares.
Desde o punto de vista da profesora, o sistema de dereito español non protexe á microempresa nin ao traballador autónomo mentres que a tendencia europea é a establecer regulamentos específicos en materias como o despido. O maior problema está, segundo expresou Consuelo Ferreiro, en compatibilizar os dereitos e deberes dos autónomos e os dos seus empregados xa que o autónomo “non vai poder responder como unha empresa”. Esta situación é o que fai fundamental que exista unha regulamentación para as asociacións de representación dos autónomos, diferenciadas das organizacións de empresas “xa que viven realidades moi diferentes”.
Outra das problemáticas á que fixo referencia Consuelo Ferreiro foi a de representatividade das asociacións, é dicir, como medir o peso específico que cada unha delas debe ter nos foros de negociación e de decisión. Segundo explicou, a tendencia é que non soamente se computen o número de asociados senón tamén a estrutura da organización e os resultados obtidos na defensa dos intereses dos autónomos.
Consuelo Ferreiro tamén se referiu á situación específica dos traballadores autónomos dependentes economicamente (TRADEs), figura establecida e regulada pola Lei do Traballo Autónomo vixente desde 2007. Asegurando que son “a parte máis débil do mercado de traballo ao non seren nin autónomos reais nin asalariados por conta allea”, explicou que os acordos de interese profesional, unha variante dos convenios para este tipo de traballadores, “teñen unha eficacia moi limitada”. A profesora da USC rematou afirmando que, de momento, os autónomos dependentes seguen sen contar cunha vía adecuada de defensa dos seus intereses e non teñen, por exemplo, dereito á folga.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor