Exposición: A Arte non Cómic en Vigo Data 26-04-2018 a 30-06-2018 Lugar Sede Afundación Vigo Exposición: A Arte non Cómic en Vigo Despois de pasar pola Sede Afundación Santiago de Compostela, o proxecto expositivo de Fundación Telefónica, «A Arte non Cómic», chega a Vigo. Do 26 de abril ao 30 de xuño podes coñecer o
Exposición: A Arte non Cómic en Vigo
Data 26-04-2018 a 30-06-2018
Lugar Sede Afundación Vigo
Exposición: A Arte non Cómic en Vigo
Despois de pasar pola Sede Afundación Santiago de Compostela, o proxecto expositivo de Fundación Telefónica, «A Arte non Cómic», chega a Vigo. Do 26 de abril ao 30 de xuño podes coñecer o traballo de máis de 70 ilustradores de prestixio que reinterpretan algunhas das obras máis emblemáticas da historia da arte. Visítaa na Sede Afundación de Vigo.
Con motivo da exposición preparamos un completo programa de actividades para ti como un ciclo de cinema ou interesantes coloquios con xente destacada do mundo da ilustración. Abaixo máis información.
«A Arte non Cómic» estrutúrase en tres grandes ámbitos: o primeiro deles recolle a relación entre os grandes centros de arte e o cómic a través de obras da colección do Louvre ou do Museo de Orsay xunto á editorial Futuropolis, mostrando o traballo de autores tan recoñecidos como Catherine Meurisse, Manuele Fior, Enki Bilal ou David Prudhomme, así como a obra de Edmond Baudoin sobre Dalí, editada polo Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou. Tamén se inclúen iniciativas dos centros de arte españois, como os cómics de Miguel Anxo Martin, Álvaro Ortiz, David Sánchez e Santiago García, editados polo Museo Thyssen-Bornemisza e a editorial Astiberri. Fundación Telefónica tamén se sumou a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a diferentes ilustradores, que ofrecen a súa visión de obras de Picasso, Tàpies ou René Magritte.
O segundo ámbito está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos como Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado, ao que se incorporan nesta exposición en Vigo dous novos autores, Begoña García-Alén e Andrés Magán. Ademais Jacobo Fernández Serrano realizou para este proxecto, por encarga de Afundación, unha historieta baseada nalgunhas das obras e autores máis sobresalientes da Colección de Arte Afundación, Pikiblinder: Leiro, Maruja Mallo, Castelao, Laxeiro, Lugrís ou Minguillón, entre outros.
Por último, a mostra recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic, facendo especial fincapé na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que ineludiblemente ha de estar presente na programación dos museos e grandes centros. Trátase dunha visión nova do mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos historietistas que, conscientes da capacidade narrativa do cómic, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte.
VISITAS GUIADAS para grupos
Xoves 19.00 h GRATIS
Ou luns a venres en horario a convir, previa cita no 986 129 032 ou por correo-e a areaeducativavigo@gmail.com.
ACTIVIDADES ESCOLARES
DO LENZO Ao CÓMIC. Infantil a 3º de primaria
BOCADILLOS DE CÓMIC E HISTORIA. 4º de primaria a 2º de ESO
A arte NO CÓMIC. 3º e 4º de ESO, bacharelato e Cf
ACTIVIDADES PARALELAS
Ao longo dos próximos meses tes na nosa Sede Afundación de Vigo varios eventos interesantes con relación á exposición «A Arte non Cómic»: un CICLO DE CINEMA coas películas de animación máis galardoadas, COLOQUIOS con ilustradores de primeiro nivel e a exhibición dun CÓMIC XIGANTE deseñado expresamente para a sala de exposicións por dous artistas de Vigo e Pontevedra, Andrés Magán e Begoña García-Alén.
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.