Galicia é por terceiro mes consecutivo a comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual cunha caída do 11,49% A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado de maio, que leva descendendo de xeito consecutivo catro anos e medio, situándose a niveis de hai 9 anos e
Galicia é por terceiro mes consecutivo a comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual cunha caída do 11,49%
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado de maio, que leva descendendo de xeito consecutivo catro anos e medio, situándose a niveis de hai 9 anos e rexistrando por quinto mes consecutivo unha caída histórica na evolución anual
- Desde xaneiro, o desemprego está baixando ao menos un 10% e, como mínimo en 22.000 persoas, unhas cifras que, en palabras de Toca, respaldan as políticas activas de emprego da Xunta
- A Comunidade galega continúa creando emprego, cun crecemento nas afiliacións do 2,76% (26.786 máis), o maior desde 2007
- A contratación indefinida medrou un 22,20% superando en máis dun 13% o ritmo de subida da temporal e nun 2,58% o incremento rexistrado en España
- O desemprego baixa nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, como os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as mulleres, e nas catro provincias, 7 grandes cidades e en todos os sectores de actividade
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2018
Galicia é por terceiro mes consecutivo a Comunidade na que máis baixou o paro na evolución anual, cunha caída do 11,49%, o que se traduce en 22.942 desempregados menos. Isto supón que a Comunidade rexistra este ano por quinto mes consecutivo unha caída histórica do paro. Ademais, desde xaneiro, o desemprego está baixando cada mes ao menos un 10% e, como mínimo, en 22.000 persoas, o que, en palabras de Toca, son unhas cifras que respaldan as políticas activas de emprego que está executando a Xunta.
O desemprego en Galicia leva xa catro anos e medio baixando de xeito consecutivo e se sitúa en niveis de hai 9 anos.
Ademais, a Comunidade galega continúa creando emprego, rexistrando desde 2007 o maior crecemento nas afiliacións, que aumentan nun 2,76%, é dicir, en 26.786 máis. Deste xeito, Galicia encadea xa máis de 4 anos de subidas consecutivas, desde abril de 2014, levando 7 meses consecutivos nos que o número de afiliacións crece por enriba das 20.000 e do 2%. Na evolución mensual, as afiliacións, por cuarto mes consecutivo, desde febreiro, crecen máis que a caída na cifra de parados.
A calidade no emprego tamén sigue mellorando, tal e como expuxo a secretaria xeral de Emprego. No último ano asináronse 8.594 contratos máis, un aumento do 9,81%: a contratación indefinida medrou un 22,20%, superando en máis de 13 puntos o ritmo de subida da temporal e a tempo completo tamén aumentou, nun 14,60%, quintuplicando o incremento reflectido a tempo parcial. En comparación con España, o ritmo de contratación en Galicia é moi superior, 8,29% máis. Tamén e maior en Galicia que no Estado o incremento no número de contratos indefinidos, un 2,58% máis.
O paro, ademais, baixou nos colectivos con máis dificultades para atopar un posto de traballo: nos menores de 30 anos (-14,10%); parados de longa duración (-9,04%); e mulleres (-8,98%). Algo máis de 1 de cada 3 desempregados que saíron do paro no último ano eran parados de longa duración. Así mesmo, o desemprego descendeu nas catro provincias galegas, nas 7 grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída a construción (-21,76%), seguido da industria (-14,37%), e da agricultura e pesca (-13,19%).
Con respecto aos datos provinciais, Lugo lidera o descenso cunha baixada do 13,70%, seguida de Pontevedra (-12,81%), Ourense (-12,31%) e A Coruña (-9,35%).
Toca tamén puxo en valor que o paro baixou con respecto ao mes de abril nun 3,07%, a terceira maior baixada desde a crise e destacou que para seguir acadando esta mellora no mercado laboral, a Xunta seguirá executando programas de emprego orientados a incrementar a formación adaptada ás demandas das empresas e á orientación laboral. Este ano, neste ámbito, destina 135 millóns de euros en actuacións como, por exemplo, as Unidades Formativas na Empresa e os cursos de cualificación para desempregados e ocupados.
Así mesmo, Toca lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a investir preto de 60 millóns de euros para apoiar a contratación de persoas sen emprego nos concellos galegos, a través de iniciativas como o Aprol Rural, obradoiros duais e programas integrados de emprego.
Segundo recalcou a secretaria xeral de Emprego, o impulso da economía galega é a máxima prioridade do Goberno galego. Neste senso, apuntou que sigue recuperándose e con forza grazas ás políticas que está levando a cabo a Administración autonómica e á estabilidade do Goberno galego. O PIB, ademais, continúa crecendo, pechando o primeiro trimestre cun crecemento anual do 3,1%, por enriba de España. En palabras de Toca, as empresas galegas son cada vez máis internacionais, a industria é cada vez máis forte, o comercio está ratificando a súa recuperación cun incremento nas vendas polo miúdo do 2% no que vai de ano e hai un forte aumento do consumo dos fogares galegos, que medra un 2,8%.
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.