Nova normativa para a cosmética ecolóxica e natural

A norma en España que dita que é e que non é un produto cosmético ecolóxico “obvia a realidade do mercado”, segundo os expertos, nun sector que demanda “concienciación” da clientela e os grandes produtores esquecen resaltar partes do transporte, loxística e envasado do produto que deberían terse en conta á hora de promocionar unha actitude ou modelo de negocio máis ecolóxico

Até 2019 non había un consenso xeneralizado, único e específico do que era un cosmético de orixe natural ou orgánica. A cosmética ecolóxica ten como alicerce fundamental a ausencia de produtos químicos potencialmente tóxicos, derivados do petróleo (como os parabenos), aceites de silicona e, ademais, compoñentes principais cuxo orixe non é soamente natural, senón que nunha alta porcentaxe proveñen de agricultura ecolóxica. Aínda que hai certos elementos como os parabenos que non se demostrou rigorosa e exhaustivamente que causen perigo para a saúde, a cosmética natural utiliza o ‘principio de precaución’ para prescindir deles polo si ou polo non.

Publicidade Xornal Galego:

Esta é a maior diferencia respecto da cosmética convencional. Sustancias non tan agresivas para a pel, menos residuos na auga, deixa respirar a pel xa que non tapona os poros e respectar o manto acedo da pel.

En Europa hai ao redor de 20 certificacións de organismos privados que, velando pola seguridade dos consumidores e, por suposto, o medio ambiente, outorgan selos ecolóxicos ou naturais. Cada certificado ten diferentes requisitos. EcoCert, de orixe francesa, pide que polo menos un 95% dos ingredientes procedan de agricultura ecolóxica, para outorgar o selo homónimo, e un 10% no caso do selo “Cosmética Natural”.

Estandarización do ecolóxico

Outros son BDIH, CosmeBio ou Natrue, esta última baséase nas recomendacións do Consello de Europa, onde se aclaran que elementos están prohibidos e que cantidade deles debe proceder de agricultura ecolóxica. Entón, con tanta variedade, hai selos mellores ou peores?

A resposta a esa pregunta está na nova norma 16.128 da Organización Internacional da Normalización (coñecida como ISO) Directrices sobre definicións técnicas e criterios para ingredientes e produtos cosméticos naturais e orgánicos, xa traducida ao castelán e implementada pola Asociación Española de Normalización (UNE) e a súa sociedade AENOR. UNE, antes unha entidade pública, actualmente é de titularidade privada. En 2017 foi designada polo entón Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, outrora dirixido por Luís de Guindos, como o organismo nacional de normalización. AENOR é a representante internacional.

Con isto, concrétase o marco de que produtos poden usarse e cales quedarán fóra. Significa isto que o resto de etiquetas e certificados quedan invalidados? Non, esta é a normalización internacional global á que está adscrita AENOR, pero non quere dicir que outras certificacións como EcoCert deixen de ter peso.