Espectáculo Duende Ecuestre a favor da Esclerose Lateral Amiotrófica O próximo 15 de agosto ás 19:00 horas, celebrarase na Praza de Touros de Pontevedra, un espectáculo ecuestre a favor da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), onde parte da recadación irá destinada aos enfermos de ELA galegos a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica
Espectáculo Duende Ecuestre a favor da Esclerose Lateral Amiotrófica
O próximo 15 de agosto ás 19:00 horas, celebrarase na Praza de Touros de Pontevedra, un espectáculo ecuestre a favor da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), onde parte da recadación irá destinada aos enfermos de ELA galegos a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica – AGAELA.
As persoas que se acheguen ata a Praza de Touros poderán desfrutar dun espectáculo de doma de alta escola e danza ecuestre, a cargo de Alberto Borjas, que conta co segundo premio no Salón Internacional do Cabalo (Sevilla).
As entradas poderán adquirirse directamente no recinto da Praza de Touros antes do comezo do espectáculo.
A ELA, unha realidade ignorada
A ELA é unha enfermidade neurolóxica complexa e incurable, que ataca ás neuronas encargadas de controlar os músculos voluntarios, provocando que estes deixen de funcionar progresivamente. Así, os pacientes de ELA, de forma gradual, comezan a ter problemas en funcións tan básicas como camiñar, comer, falar, ou levantarse da cama. Estas persoas necesitan cada vez máis axuda para realizar as actividades da vida diaria, volvéndose máis e máis dependentes. Sen embargo, a súa capacidade intelectual permanece intacta, polo que en todo momento son conscientes da súa enfermidade. Neste sentido, os afectados de ELA son persoas atrapadas nun corpo que deixou de funcionar.
Trátase dunha patoloxía de carácter fatal nun breve prazo de tempo que require dunha atención coordinada e multidisciplinar tanto no eido sanitario como no soporte social a quen a sofre e ás súas familias. Aínda que non todas as persoas con ELA evolucionan igual, a esperanza de vida media é de 2 a 5 anos. Na actualidade, 4.000 persoas padecen ELA en España. Cada ano, diagnostícanse 900 novos casos e falecen 900 persoas a causa desta enfermidade.
CONTACTO:
Para ampliar información sobre esta iniciativa, non dubidedes en contactar a través do correo electrónico: info@agaela.es ou no teléfono 629 29 07 22.
nota:
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.