O presidente da Xunta participou no acto de apertura da Casa de Galicia nas Palmas de Gran Canaria tras a súa reconstrución, onde gardou un minuto de silencio en honor á figura de don Xerardo Fernández Albor Feijóo afirma que os galegos logran facer da súa terra unha casa que acolle a todos os pobos
Indica que as casas de Galicia deron a coñecer a nosa cultura polo mundo, pero tamén foron lugares importantes para as comunidades onde se asentaron
Destaca que a Xunta, xunto con outras administracións canarias, colaborou na recuperación da Casa de Galicia en Las Palmas, achegando máis de 90.000 euros para a súa recuperación
Asegura que os galegos conservan vínculos persoais, culturais e económicos coas Illas Canarias, pero quizais un dos lugares cos que é máis forte é en Venezuela
Sinala que tanto desde o Hogar Canario en Caracas como desde a Hermandad Gallega están esforzándose por paliar a situación das persoas que viven alí
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta tarde que os galegos son quen de facer da súa terra unha casa que acolle a todos os pobos pero tamén logran construír en todos os pobos unha casa que os transporte a Galicia.
Neste senso, o titular da Xunta lembrou que as casas de Galicia e os centros galegos mantiveron vivas as raíces e deron a coñecer a nosa cultura polo mundo, pero tamén foron lugares importantes para as comunidades onde se asentaron. De feito, a Casa de Galicia nas Palmas de Gran Canaria, desde a súa creación en 1951, divulgou as nosas tradicións pero tamén forxou outras novas. Deste xeito, foi e segue sendo impulsora da Cabalgata de Reis, a celebración máis importante da cidade despois do carnaval, nacida do desexo de agasallar os nenos galegos de familias con dificultades. Nela tamén se lles deu un lugar a grupos folclóricos e dela naceu Aturuxo, unha publicación que se edita anualmente desde 1972.
Así o destacaba o titular do Goberno galego nas Palmas de Gran Canaria, no acto de apertura da Casa de Galicia logo de ser reconstruída por mor do incendio que a afectou gravemente en 2014. Segundo lembrou, o Goberno galego, xunto con outras administracións canarias, colaborou na súa recuperación. Concretamente, a Administración autonómica galega achegou máis de 90.000 euros para a súa reconstrución: 70.000 euros a través dun convenio asinado en 2017 e máis de 20.600 a través dunha liña de axudas aprobada este ano.
Os vínculos dos galegos e os canarios
O presidente da Xunta destacou que os galegos que deixaron a súa terra legaron unha frutífera relación con todos os seus pobos de acollida, creando vínculos que converten os galegos nun pobo aberto que renega do teórico illamento ao que os condenaba a xeografía.
Neste senso, Feijóo asegurou que os galegos conservan vínculos persoais, culturais e económicos coas Illas Canarias, pero hai moitos outros, e quizais un dos lugares cos que é máis forte é en Venezuela.
Como asegurou o titular do Goberno galego, os canarios son a primeira comunidade de españois no dito país e o os galegos, a segunda. Así, tanto desde o Hogar Canario en Caracas como desde a Hermandad Gallega están facendo un grande esforzo para paliar a situación das persoas que viven alí. De feito, contan cun proxecto conxunto para dotar os centros de residencias da terceira idade.
Feijóo destacou a complexidade da situación en Venezuela, como demostra o feito de que é o primeiro país do que proceden os nosos emigrantes retornados: en 2017, 2.163 regresaron a Galicia. Con respecto a isto, aproveitou para emprazar ao actual Executivo a que siga traballando, ao igual que o Goberno anterior, para solucionar o cobramento das pensións dos españois que residen alá, situación que tanto Galicia como Canarias estarán dispostas a reivindicar.
Por outra banda, o titular da Xunta asegurou que Galicia seguirá traballando para que o vínculo que a une coas Illas Canarias medre e se fortaleza aínda máis. Como lembrou, coa mesma hospitalidade que os canarios tratan os máis de 26.000 galegos nas Illas, Galicia acolle os máis de 4.600 canarios que hai na Comunidade.
O presidente da Xunta aproveitou o acto para gardar un minuto de silencio para honrar a memoria de don Xerardo Fernández Albor, de quen destacou o seu traballo a prol da emigración galega.
Leave a Comment
You must be logged in to post a comment.