Maior fabricante de preservativos subirá prezos un 30% pola guerraMaior fabricante de preservativos subirá prezos un 30% pola guerra

O maior fabricante de preservativos do mundo subirá os prezos un 30% pola guerra en Oriente Próximo

O incremento do prezo do plástico, o látex ou o caucho polo peche do estreito de Ormuz presióna ao principal provedor de marcas como Durex ou Trojan.

O maior fabricante de condóns do mundo anunciou que aumentará os prezos dos seus preservativos e lubricantes entre un 20% e un 30% debido á guerra en Irán. A compañía, responsable do 20% da produción global de preservativos, advertiu ademais de posibles subidas no futuro se o conflito se alonga.

“Desde que comezou a guerra a finais de febreiro, Karex viu aumentar os custos de produción. Desde o caucho sintético e o nitrilo, empregados na fabricación de condóns, ata os materiais de embalaxe, como o plástico ou o aluminio, o amoníaco utilizado para conservar o látex e a silicona”, explicou a Reuters o seu director executivo, Goh Miah Kiat.

Karex, a empresa provedora de marcas como Durex ou Trojan, sinala que o peche do estreito de Ormuz presionou á alza os prezos enerxéticos, contaxiando a toda a cadea de valor: desde o transporte dos seus produtos ata a súa fabricación. As súas fábricas están localizadas no sueste asiático (Malaisia e Tailandia), unha das rexións máis golpeadas polo conflito.

Un risco para a saúde pública mundial

Karex fabrica uns 5.000 millóns de condóns ao ano (o 20% da produción mundial) e abastece non só a marcas comerciais, senón tamén a sistemas de saúde públicos como o do Reino Unido ou a programas de axuda internacional xestionados por Nacións Unidas.

Ademais de preservativos, Karex fabrica catéteres, luvas de látex e material sanitario. A suba de prezos anunciada pola compañía, sumada á que xa anticiparon outros fabricantes de materiais sintéticos, podería supor un risco para a saúde pública global, ao complicar o acceso a un produto clave para previr enfermidades de transmisión sexual, especialmente nos países en vías de desenvolvemento.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta