Yoel Rodríguez reforza a portería da UD OurenseYoel Rodríguez reforza a portería da UD Ourense

Yoel Rodríguez reforza a portería da UD Ourense para o play off de ascenso a Primeira Federación

A UD Ourense confirmou a fichaxe do porteiro Yoel Rodríguez, que chega como axente libre para reforzar a meta vermella na recta decisiva da tempada. O gardameta vigués, de 37 anos, únese ao proxecto unionista ata final de campaña, coincidindo coa preparación do equipo para disputar o play off de ascenso a Primeira Federación.

A chegada de Yoel supón un salto cualitativo para o cadro ourensán, xa que se trata dun futbolista cunha traxectoria moi ampla no fútbol profesional español. Ao longo da súa carreira acumulou preto de 200 partidos entre Primeira e Segunda División, defendendo as cores de clubs como RC Celta, Valencia CF, Rayo Vallecano ou Real Valladolid, onde coincidiu co actual técnico unionista, Borja Fernández.

O porteiro xa posou coa camiseta vermella e incorporouse aos adestramentos co obxectivo de adaptarse o máis rápido posible ao ritmo competitivo do equipo. A súa experiencia, serenidade e capacidade baixo paus considéranse claves para afrontar un tramo final de tempada no que cada detalle pode marcar diferenzas.

Un fichaxe motivado pola lesión de Manu Vizoso

A contratación de Yoel prodúcese tras a grave lesión sufrida por Manu Vizoso no encontro fronte ao Bergantiños o pasado domingo. O gardameta titular padeceu unha fractura de pómulo no último minuto do partido, unha lesión que o deixará fóra do que resta de campaña.

A baixa de Vizoso obrigou ao club a buscar unha alternativa de garantías, e a dirección deportiva moveuse con rapidez para pechar a incorporación dun porteiro contrastado que puidese competir e complementar a Bruno Rielo, agora chamado a asumir un papel protagonista.

Un salto de ambición para a UD Ourense

A chegada de Yoel Rodríguez é interpretada no entorno unionista como un xesto claro de ambición. Trátase, probablemente, do xogador de maior renome que vestiu a camiseta da UD Ourense na súa historia recente, un movemento que reforza a mensaxe do club: competir polo ascenso con todas as garantías.

O equipo chega ao play off nun bo momento competitivo, cun bloque sólido e unha afección entregada que está a vivir unha das etapas máis ilusionantes do proxecto. A incorporación dun futbolista con experiencia en escenarios de máxima esixencia reforza a confianza dun vestiario que aspira a culminar a tempada cun ascenso histórico.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta