A CIG esixiralle ao novo Goberno o indulto inmediato para Carlos e Serafín

A CIG esixiralle ao novo Goberno o indulto inmediato para Carlos e Serafín

A CIG esixiralle ao novo Goberno o indulto inmediato para Carlos e Serafín A central sindical intensificará as mobilizacións no caso de que non se lles conceda nas vindeiras semanas “Non lle imos dar tregua ao novo Goberno; esixirémoslle dende o minuto un o remate das agresións contra a clase traballadora, comezando polo indulto a

A CIG esixiralle ao novo Goberno o indulto inmediato para Carlos e Serafín

A central sindical intensificará as mobilizacións no caso de que non se lles conceda nas vindeiras semanas

“Non lle imos dar tregua ao novo Goberno; esixirémoslle dende o minuto un o remate das agresións contra a clase traballadora, comezando polo indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez”. Así de contundente se amosou hoxe o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, durante a rolda de prensa na que presentou a manifestación que percorrerá as rúas da cidade o vindeiro 19 de xuño no marco da xornada de mobilizacións convocada pola CIG tras a suspensión da folga xeral prevista para esa data.

Gonçalves, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado do secretario de Organización, Anxo Igrexas, e da responsábel de Eleccións Sindicais da comarca, Raquel Pérez, asegurou que “non existe escusas” para que no primeiro ou segundo Consello de Ministros/as do novo Executivo que preside Pedro Sánchez “non se faga xustiza con estes dous compañeiros que foron condenados a tres anos de prisión por formar parte dun piquete informativo durante unha folga convocada para reclamar mellores condicións laborais no sector do transporte”.

Falaremos cos outros sindicatos para proporlles dirixirlle un escrito ao Executivo esixíndolle o indulto xa

O máximo responsábel da CIG-Vigo lembrou que se atopan pendentes de entrar na cadea porque o anterior Goberno do PP lles denegou o primeiro indulto e non contestou a segunda solicitude. “Entendemos que non existen motivos para que non se lles conceda de xeito inmediato, polo que nos vindeiros días proporémoslles aos outros sindicatos dirixirlle unha comunicación ao novo Executivo esixíndolle o indulto xa”. No caso de que esta petición non sexa atendida, a central intensificará a campaña de mobilizacións en solidariedade con estes dous traballadores vigueses.

Manifestación do 19-X

Con respecto á xornada nacional de mobilizacións convocada pola CIG para o vindeiro 19 de xuño, data na que estaba prevista a folga xeral que foi suspendida tras saír adiante a moción de censura contra Mariano Rajoy, Gonçalves incidiu na necesidade de continuar cunha “axenda mobilizadora potente” para forzar ao novo Executivo a implementar cambios reais que permitan frear a situación de emerxencia nacional e social na que nos atopamos e mellorar as condicións de vida da clase traballadora.

“A nosa aposta é clara: o novo Goberno vai sentir o noso alento na caluga; teñen que sentir a nosa presión na rúa, nos centros de traballo e nas empresas; non é momento da baixar a garda nin de retroceder”, asegurou. Neste senso, fixo un chamamento para que a xornada de mobilizacións do 19 de xuño sexa masiva co obxectivo de enviarlle unha mensaxe “clara e contundente” a Pedro Sánchez: “non imos agardar sentados, xa é hora de recuperar os nosos dereitos”. Finalmente, anunciou que a manifestación de Vigo arrincará do cruce da Dobrada ás 20:00 horas e rematará no farol de Urzaiz.

XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS – 19 DE XUÑO

Vigo: A Dobrada, 20h

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada: Praza do Mercado, 20h

Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte: Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor