Detido en Chantada por agredir a dúas persoas, unha delas cunha machada
A liorta comezou na Praza de Santa Ana e continuou nun café da vila
CHANTADA — Un veciño de Chantada de orixe marroquí foi reducido e detido pola Garda Civil na mañá deste domingo tras agredir a dúas persoas, a unha delas cunha machada, segundo informaron testemuñas presenciais.
Primeira agresión: na Praza de Santa Ana
Todo comezou arredor das 7:30 da mañá na céntrica Praza de Santa Ana, cunha forte discusión. Neste primeiro altercado, o agresor causou importantes feridas no brazo dereito a un home natural de Chantada, que conta con numerosos antecedentes policiais e penais. O atacante utilizou unha machada para lesionar á vítima.
Segunda pelea: nun café da Avenida de Monforte
Despois, a liorta trasladouse a unha cafetería da Avenida de Monforte que estaba a iniciar a súa xornada. Alí, o agresor discutiu con outro veciño, tamén chantadino, e feriuno cunha botella de cervexa que rompeu previamente.
Intervención dos veciños e dos servizos de emerxencia
Os propios veciños que presenciaron os feitos no establecemento hostaleiro chamaron ao 112 para dar a voz de alarma. Ao lugar desprazáronse unha parella da Garda Civil de Chantada e un equipo sanitario do 061 cunha ambulancia para atender os feridos.

