Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela

A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Carral e mais a Fundación Penzol, inaugurou a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela” no auditorio do Concello de Nigrán. No acto estiveron presentes o comisario da mostra, Gustavo A. Garrido, o alcalde do Concello de Nigrán, Juan González Pérez, e outros membros do equipo de goberno. A exposición permanecerá aberta entre ata o 10 día de setembro.

 

Publicidade Xornal Galego:

Gustavo Garrido, comisario da exposición agradeceu ao programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia a posibilidade de facer realidade a mostra, salientando os feitos máis singulares da mesma e as actividades relacionadas que se desenvolverán durante a súa itinerancia, incluso máis alá do tempo inicialmente designado. Pola súa banda, o alcalde salientou a forte vinculación de Nigrán con Carlos Casares e coa súa fundación e a boa sintonía na realización de actividades culturais conxuntas.

 

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.