O Mecalia Guardés conquista o seu primeiro título europeoO Mecalia Guardés conquista o seu primeiro título europeo

O Mecalia Guardés conquista o seu primeiro título europeo

O Mecalia Atlético Guardés fixo historia este domingo ao proclamarse campión da EHF European Cup, o primeiro título europeo da súa traxectoria. O equipo de Ana Seabra confirmou na Sangriña o triunfo logrado na ida e superou o Michalovce por 29-24 nun partido dominado de principio a fin polas gardesas.

Co pavillón cheo e máis de 1.200 persoas apoiando desde as bancadas, o Guardés asinou unha actuación moi completa, apoiada nunha defensa sólida e nun ataque coral no que varias xogadoras asumiron protagonismo. Hauptman e Sancha, con catro goles cada unha, foron as máximas anotadoras do equipo, mentres que Ania Ramos foi elixida MVP da final. Balzinc e Mínguez volveron ser decisivas baixo os paus.

Este éxito supón o segundo gran título na historia do club, despois da Liga conquistada en 2017, e converte o Mecalia Guardés no primeiro equipo galego en gañar unha competición europea de balonmán. A derrota nas semifinais da Liga foi compensada cunha final memorable, coroada cunha vitoria incontestable ante un Michalovce que apenas puxo en aprietos ás locais.

A festa viviuse por todo o alto na Sangriña, que asistiu a unha das tardes máis especiais da súa historia. O ambiente foi excepcional moitas horas antes do encontro e rematou nunha celebración masiva ao soar o asubío final.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta