O róver Curiosity sorprende á NASA ao quedar cunha roca atrapada no taladro durante unha semana en MarteO róver Curiosity sorprende á NASA ao quedar cunha roca atrapada no taladro durante unha semana en Marte

O róver Curiosity sorprende á NASA ao quedar cunha rocha atrapada no taladro durante unha semana en Marte

O róver Curiosity da NASA viviu a finais de abril un dos episodios máis inesperados dos seus 13 anos e medio de misión en Marte: unha roca quedou atrapada no taladro do seu brazo robótico durante varios días mentres intentaba perforar unha mostra coñecida como “Atacama”.

Segundo explicou a axencia espacial estadounidense, ao retraer o brazo tras iniciar a perforación, a roca ergueuse enteira do chan e quedou suxeita pola camisa fixa que rodea a punta do taladro. O equipo en Terra tentou desprendela facendo vibrar o mecanismo, pero o intento non deu resultado. Catro días despois repetiron a operación, reorientando o brazo e observando como caía area nas imaxes enviadas polo róver, mais a roca seguía firmemente adherida.

A NASA destacou que, aínda que en ocasións anteriores a perforación provocara fracturas nas capas superiores das rochas, nunca antes unha quedara pegada ao taladro deste xeito.

Tras sete días de probas, o equipo decidiu inclinar máis o brazo, xirar o taladro e aplicar vibracións adicionais. Aínda que tiñan previsto repetir a secuencia varias veces, a roca soltouse no primeiro intento e rompeu ao caer ao chan. A mostra “Atacama” tiña uns 46 cm de diámetro, arredor de 15 cm de grosor e un peso estimado de 13 kg.

O portal Science Alert lembra que o Curiosity mantén unha relación complexa co terreo marciano desde a súa chegada en 2012. O seu sistema de perforación, deseñado para combinar rotación e impacto percutivo e transformar a roca en po, xa experimentara contratempos no pasado. Ese po é posteriormente recollido polo róver e enviado aos instrumentos científicos a bordo para analizar a súa composición química e mineral.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta