Ourense, 7 de xuño de 2010.
A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia participou no V Congreso Supranacional de Pemes de Comercio e Turismo do Eixo Atlántico colaborando na organización e intervindo en dúas mesas redondas para abordar temas estratéxicos para estes sectores. O congreso tivo lugar en Ourense durante os pasados días 4, 5 e 6.
A organización do Congreso correspondeu a OSPEA, unha entidade que agrupa federacións e asociacións de pemes dos sectores do comercio, do turismo e da artesanía de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-León e das rexións do norte e do centro de Portugal. Dada a situación económica que está a afectar substancialmente a estes sectores, OSPEA optou porque o congreso servise para o intercambio de propostas e experiencias para a dinamización do mercado.
Lisardo Domínguez, secretario xeral de UPTA Galicia, foi o encargado de presentar a mesa redonda sobre o traballo autónomo. Como relatora nesta mesa participou María Jesús González Paradela, responsable do Departamento Xurídico, achegando o punto de vista da asociación sobre a importancia do fomento do emprego autónomo para loitar contra as altas taxas de paro.
Julia González Andrade, técnico en desenvolvemento rural de UPTA Galicia e licenciada en Historia da Arte, interveu na mesa redonda “Propostas turísticas para o século XXI”. En concreto, referiuse ao concepto de “interpretación do patrimonio” como elemento potenciador de novas oportunidades de negocio nos espacios naturais.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta