Alarma no centro de Sada por un incendio na cociña dun piso
Un incendio nunha vivenda situada no centro urbano de Sada provocou este mércores a alarma entre os veciños, que contactaron co 112 Galicia ao ver saír fume dun edificio da praza da Igrexa Nova, concretamente do número 12, enriba dunha farmacia.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, o lume comezou nunha tixola ao lume e propagouse ata a campá extractora, deixando a cociña completamente calcinada. Tras recibir o aviso, a central mobilizou aos Bombeiros de Betanzos, á Garda Civil e ao persoal de Protección Civil de Sada.
A persoa que se atopaba na vivenda conseguiu extinguir o incendio polos seus propios medios, polo que os equipos de emerxencia centraron o seu labor en ventilar o inmoble e realizar as comprobacións de seguridade necesarias para descartar riscos adicionais.

