Dúas persoas feridas nunha colisión entre tres vehículos en Caldas de Reis
Dúas persoas resultaron feridas este mércores tras unha colisión entre tres vehículos que circulaban pola N-640, á altura do quilómetro 227, na parroquia de Bemil, no concello de Caldas de Reis.
Segundo informou a Policía Local, o aviso ao 112 Galicia produciuse arredor das cinco da tarde. Os axentes explicaron que se tratara dun choque frontal múltiple, no que non houbo persoas atrapadas, aínda que polo menos un dos ocupantes precisaba asistencia sanitaria.
Coa información facilitada, o 112 activou un operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Salnés, voluntarios de Protección Civil e persoal de mantemento da estrada.
Unha vez no punto do sinistro, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado de dúas persoas ao Hospital Miguel Domínguez Quirón Saúde de Pontevedra para a súa valoración médica.

