Un mozo de 25 anos, veciño da Pobra do Caramiñal, faleceu a primeira hora da mañá deste domingo nun accidente de tráfico ocorrido no municipio de Boiro. O vehículo no que viaxaba saíuse da estrada e acabou impactando contra unha árbore situada nun terraplén, o que evitou que o coche caese directamente ao río.

O sinistro produciuse arredor das 06:40 horas, cando un veciño alertou ao 112 Galicia tras observar desde o seu domicilio como un turismo abandonaba a calzada á altura do quilómetro 25 da AC‑305, fronte ao número 153 da Rúa Principal.

Ao achegarse ao punto para auxiliar o condutor, o testemuña comprobou a gravidade da situación: o mozo atopábase inconsciente e atrapado no interior do habitáculo, polo que volveu contactar coa central de emerxencias para actualizar a información.

Rescate complexo nun terreo inestable
O 112 mobilizou de inmediato un amplo operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia‑061, os Bombeiros de Boiro e Ribeira, a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Boiro e o servizo de mantemento de estradas.

Debido á forte deformación do vehículo e á inestabilidade do terreo, os bombeiros tiveron que empregar equipos de excarceración para liberar ao condutor. A pesar dos esforzos, unha vez completado o rescate, o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento do mozo, único ocupante do coche.

A Garda Civil investiga agora as causas do accidente.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta