Novidades na declaración da renda 2025-2026Novidades na declaración da renda 2025-2026

Novidades na declaración da renda 2025-2026: axudas para o ximnasio e deducións por cobrar o SMI

A campaña do IRPF arrinca o 8 de abril con cambios tanto no Estado como nas comunidades autónomas

A campaña da renda, que comeza oficialmente o vindeiro 8 de abril, trae consigo novidades significativas, especialmente no ámbito autonómico. Os contribuíntes poderán acollerse a 30 novas deducións rexionais, entre as que destacan descontos por ir ao ximnasio ou polo coidado de mascotas. Ademais, a nivel estatal hai dúas novidades principais: por unha banda, recuperanse as rebaixas para a compra de coches eléctricos; por outra, aprobouse unha dedución de ata 340 euros para os traballadores que perciben o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), tal e como lembraron este mércores os expertos da plataforma TaxDown.

Dedución para perceptores do SMI

Esta medida foi froito dunha intensa negociación entre os ministerios de Traballo (favorable á rebaixa) e Facenda (que consideraba que estas rendas, ata agora exentas, debían empezar a tributar). A solución final é unha dedución duns 340 euros deseñada para compensar a subida do salario mínimo ata os 16.576 euros aprobada o ano pasado.

  • Se a nómina do contribuínte é inferior a ese importe, a dedución aplicarase enteira.

  • Se os ingresos están entre 16.576 e 18.276 euros, o beneficio fiscal reducirase de forma progresiva.

Paula Urcera, directora da área de fiscalidade de TaxDown, advertiu de que aínda non está claro se a Axencia Tributaria incluirá automaticamente esta dedución no borrador da declaración. De non ser así, o contribuínte deberá engadila manualmente para poder beneficiarse dela.

Outras novidades estatais

  • Prórroga da exención de presentar declaración para desempregados que cobren o paro, sempre que non superen os límites de ingresos: 22.000 euros se teñen un só pagador, ou 15.876 euros se teñen varios, sempre que a suma do segundo e seguintes non supere os 1.500 euros.

  • Autónomos obrigados a declarar independentemente do nivel de ingresos.

  • Cambios nas rendas do aforro: para ingresos superiores a 300.000 euros (dividendos, intereses, venda de accións…), o tipo pasa do 28% ao 30%.

  • Deduccións verdes renovadas: compra de vehículos eléctricos (15% sobre o valor, ata 20.000 euros), instalación de puntos de recarga e obras de rehabilitación para mellorar a eficiencia enerxética.

  • Axudas pola dana en Valencia: todas as percibidas para reparar danos quedan exentas de tributar no IRPF.

Novas deducións autonómicas

O IRPF é un imposto compartido coas comunidades autónomas, que teñen capacidade para introducir rebaixas e cambios normativos. Estas son algunhas das novidades para a campaña de 2025:

Comunidade Novas deducións
Andalucía e Asturias Compra de alimentos aptos para celíacos (ata 100 euros)
Andalucía e Murcia Gastos de ximnasio e gastos veterinarios para coidado de mascotas (ata 100 euros)
Galicia e Estremadura Gastos asociados ao coidado de enfermos de ELA (Galicia inclúe tamén a enfermos de talidomida)
Murcia Compra de gafas e lentillas, e adquisición de vehículos eléctricos
Cataluña Ampliación da dedución por aluguer de vivenda habitual: de 300 a 500 euros (individual) e de 600 a 1.000 (conxunta)
Cantabria Por mudar a residencia habitual a municipios en risco de despoboamento
Cataluña Por alugar a vivenda a vítimas de violencia de xénero
Baleares Por gastos vinculados á ocupación de inmobles

Atención aos controis da Axencia Tributaria

A plataforma TaxDown recomenda presentar a declaración canto antes e lembra os ámbitos nos que Facenda reforzará a vixilación esta campaña:

  • Criptomoedas: especial atención se se venderon activos a través de brokers fóra de España que non reportan automaticamente ao fisco.

  • Neobancos (bancos 100% dixitais).

  • Alugueres turísticos.

  • Cambios de residencia (no estranxeiro ou entre comunidades).

  • Bizum: só haberá un control máis estrito para autónomos e actividades profesionais, para asegurar que declaren todos os ingresos, incluídos os recibidos por canais dixitais.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta