[ 28/01/2009 ] O Xacobeo Galicia estará no Giro de Italia 2009, segundo anunciou a empresa RCS Sport, organizadora da carreira. O equipo galego atópase nunha primeira relación de vinte convidados, ampliable ata os vinte e dous que definitivamente tomarán a saída o 9 de maio en Venecia, nunha competición que se prolongará ata o último día do mes. A invitación foi recibida con extraordinaria satisfacción no seo do equipo galego.

Giro de Italia
Giro de Italia

Desde a Fundación Ciclismo Galego, entidade xurídica á que está adscrito o equipo ciclista profesional, cualifícase a invitación, no ano do centenario da carreira italiana, de “magnífico premio” ao traballo realizado por esta formación ciclista na súa curta traxectoria e de “día grande para o ciclismo galego, polo que debe de supor de estímulo para todo o ciclismo de base dos pobos e cidades de Galicia ver proxectadas as súas aspiracións de futuro nun equipo de ámbito marcadamente internacional”.

O manager, Álvaro Pino, pola súa banda, deixara claras en reiteradas ocasións, a última con motivo da presentación do equipo en Santiago o pasado 22 de xaneiro, as intencións do Xacobeo Galicia no caso de que finalmente fose convidado a participar no Giro: “Iriamos co noso mellor equipo e coas máximas ambicións, porque entre esta carreira e a Volta a España, o noso outro gran obxectivo, hai tempo suficiente para disputar as dúas nas mellores condicións”, comentou.

Os ciclistas tamén se foron mentalizando neste tempo. Durante o percorrido do pasado mes de decembro polo Camiño de Santiago, con choiva e neve, era frecuente oír dicir: “Se imos ao Giro, o tempo nalgunhas etapas non o imos atopar mellor”.

A relación definitiva de vinte e dous equipos será dada a coñecer logo da Tirreno – Adriático, carreira organizada tamén polo equipo que dirixe Angel Zomegnan. A lista dos vinte primeiros convidados compóñena:
1) Acqua&Sapone – Caffe` Mokambo (I)
2) Ag2r La Mondiale (F)
3) Astana (Kaz)
4) Bbox Bouygues Telecom (F)
5) Caisse D`Epargne (E)
6) Cerevelo Test Team (S)
7) Garmin – Slipstream (EU)
8) ISD (I)
9) Lampre – NGC
10) Liquigas
11) LPR Brakes – Farnese Vini (Irl)
12) Quick Step (B)
13) Rabobank (H)
14) Silence – Lotto (B)
15) Serramenti PVC Diquigiovanni – Androni Giocattoli (Ven)
16) Team Columbia – High Road (EU)
17) Team Katusha (R)
18) Team Milram (A)
19) Team Saxo Bank (D)
20) Xacobeo Galicia (E)

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta