Ourense, 13 de maio de 2010.
UPTA Galicia participou un ano máis en PREVISEL, o Salón de Prevención e Seguridade Laboral celebrado os días 12 e 13 de maio en Expourense. Neste marco, ademais de dispor dun stand para información e asesoramento, UPTA explicou aos autónomos as prácticas axeitadas para unha xestión eficiente da prevención de riscos laborais.

UPTA participou nos diferentes eventos enmarcados en Previsel. No acto inaugural, o director xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá, anunciou que o departamento que dirixe porá en marcha un Observatorio Galego de Condicións Laborais, un Laboratorio de Hixiene e Saúde Laboral e unha comisión permanente de riscos laborais relacionados coa igualdade de xénero.

Por outra banda, durante a clausura, UPTA recolleu unha placa conmemorativa como entidade colaboradora do Salón Previsel, símbolo do recoñecemento por contribuír a mellorar a seguridade no traballo. Rogelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense, presidiu este acto.

Autogxstión da P.R.L.
UPTA organizou no marco de Previsel dúas xornadas sobre obrigacións e dereitos dos traballadores autónomos en prevención de riscos laborais e a autoxestión preventiva en pequenos negocios. Participaron como relatores Juan Carlos Suárez Pena, técnico en P.R.L., e José Manuel Cotón Carreira, avogado especialista en dereito laboral e colaborador habitual da organización. Xunto a eles, participaron Lisardo Domínguez Rodríguez, secretario xeral de UPTA Galicia, e María Jesús González Paradela, responsable do Departamento Xurídico.

Durante as xornadas presentouse a campaña de divulgación sobre seguridade e saúde no traballo autónomo realizada por UPTA Galicia. Nela, entregouse material informativo a 5.000 autónomos galegos sobre as xestións a realizar para a prevención de riscos e realizáronse enquisas sobre as condicións do traballo autónomo.

UPTA Galicia entregou ás persoas asistentes dous manuais sobre prevención. Por unha banda, a guía “Control documental PRL” é unha revisión de toda a documentación sobre a que se apoia a actividade preventiva. O segundo manual é sobre autoxestión de P.R.L. e presenta os conceptos básicos en relación á xestión da prevención de riscos laborais para os autónomos, subliñando a importancia de que esta tarefa se integre en todos os niveis da empresa. Estas guías teñen unha utilidade fundamental ao sintetizar todos os aspectos referentes á prevención e ao guiar os pasos do empresario autónomo para xestionar con recursos propios as actividades de prevención que non son de obrigada externalización.

Autor

Por Xornal Galego

Xornal Galego, un xornal galego, en galego e para todo o mundo

Deixa unha resposta