Detido en Salvaterra o maltratador fuxido de As Neves tras ferir a súa filla
A Garda Civil detivo en Salvaterra do Miño o home de 53 anos que permanecía en fuga desde o mércores tras agredir a súa filla cando esta tentou protexer á nai dun ataque con coitelo. O agresor, veciño das Neves e con orde de afastamento por violencia machista, quitárase previamente a pulseira telemática, o que activou as alarmas do sistema de protección.
O ataque produciuse ás 11.00 horas no lugar da Carrasqueira, pertencente á parroquia de Taboexa (As Neves). O home chegou en coche á vivenda da súa exmuller e entrou armado, perseguindo a vítima. A filla interpúxose e sufriu un corte leve, polo que foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro. A nai e outras fillas foron acollidas no CEMVI de Vigo.
A detención tivo lugar ás 23.30 horas, cando o agresor regresou á contorna da casa e causou danos no inmoble e en dous vehículos familiares. A vítima non se atopaba no domicilio ao estar baixo protección. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, destacou a rápida actuación policial e expresou o seu desexo de que o detido volva ingresar en prisión, dado que xa cumprira condena con anterioridade.

