Un equipo do Servizo de Gardacostas de Galicia recupera o corpo dun home ao norte da Torre de Hércules
O 112 Galicia recibiu o aviso pouco despois das dez da mañá, cando o buque gardacostas Punta Seixo Branco comunicou a recuperación do corpo sen vida dun home nas augas da Coruña.
O cadáver fora avistado previamente pola tripulación dun barco pesqueiro a aproximadamente unha milla ao norte da Torre de Hércules. Tras o achado, o corpo permaneceu a bordo do buque do Servizo de Gardacostas, custodiado por axentes da Policía Autonómica.
Minutos despois, unha lancha patrulleira da Garda Civil trasladou o corpo ata o porto de Oza, onde continuará o procedemento xudicial e forense.
Paralelamente, os equipos de seguridade traballan na identificación da vítima, á espera dos resultados das primeiras comprobacións.

