O ciclista e bombeiro de Ponteareas Samuel González, en estado grave tras ser atropelado por un condutor que “triplicaba a taxa de alcoholemia”
O deportista Samuel González (Vigo, 1997), ciclista de ciclocrós e bombeiro en Ponteareas, atópase este luns en estado grave na UCI, despois de ser atropelado por detrás mentres adestraba na estrada N-120, ao seu paso polo municipio de Mondariz. Aínda que o seu estado é grave, a súa vida non corre perigo, segundo as primeiras informacións.
O accidente tivo lugar o domingo pasado. Segundo denuncia a Federación Galega de Ciclismo, o condutor do vehículo triplicaba a taxa de alcoholemia permitida. A Garda Civil investiga ao home polos delitos de condución temeraria, lesións por imprudencia grave, negativa a someterse ás probas de alcohol e drogas, e condución baixo os efectos do alcohol e outras substancias.
Samuel González está considerado un dos mellores deportistas galegos de ciclocrós. O sinistro causou unha fonda conmoción no ámbito deportivo e nos corpos de seguridade, onde o mozo é moi coñecido polo seu labor como bombeiro.

